Editorial:
Idioma: Galego
Editorial: Belagua
Este libro ofrece un percorrido pola biografía de 21 mulleres galegas do mundo das artes plásticas e visuais: fotógrafas, pintoras e escultoras (nacidas entre o final do século XIX e a metade do século XX), que se internaron no eido das artes coa forza do seu talento e o seu espírito de liberdade.
O libro estruturase
cunha ilustración co retrato da pintora na páxina da esquerda e a súa biografía
na páxina da dereita.
Segundo a súa autora,
as mulleres viviron durante séculos silenciadas e ignoradas no mundo da arte.
Ata finais do século XIX as mulleres artistas só foron aceptadas como artesas,
un status social afastado do recoñecemento público, do prestixio e da Academia,
á que non accederon ata case principios do século XX. Tratábase de fillas ou
irmás de pintores e escultores, que aprendían con eles nos talleres familiares.
Só se pertencían ás clases máis
adiñeiradas, as mulleres con inquietudes artísticas tiñan como mestres a
artistas varóns consagrados e chegaron a ter éxito como damas da Corte con
recoñecemento internacional. De calquera xeito, a dependencia dos homes por
parte das mulleres artistas era absoluta.
En España, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando
fúndase o 12 de abril de 1752 con sede na Casa da Panadería da Praza Maior de
Madrid, e trasládase no ano 1773 á rúa Alcalá, onde permanece. O cambio de
localización foi debido á falta de espazo ante a numerosa incorporación de
alumnado cada ano. Entre eles, ningunha muller. Como en todos os campos do
saber, daquela as mulleres non podían acceder a eles como alumnas nin ocupar
postos de relevancia. No caso da formación artística, éranlles impedidos determinado
tipo de estudos, como a copia ao natural.
O seu futuro artístico era practicamente inexistente. E, porén, moitas foron as mulleres que se abriron paso no eido das artes, coa forza do seu talento e o seu espírito de liberdade.