María
Pura Lorenzana Prada naceu en Vilasante (O Saviñao - Lugo) en 1907 e faleceu en Santiago de Compostela o 1 de decembro de 1997. Foi mestra, inspectora e profesora de Historia de ensino medio e universitario, historiadora e arqueóloga.
Pertenceu a ese escaso dez por cento de mulleres
galegas que no primeiro terzo do século XX cursou estudos universitarios. Logo
de facer por libre o bacharelato no Instituto de Lugo, comezou no curso 1924-5
as carreiras de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade de Santiago
de Compostela. Rematou a primeira en 1928, cun expediente de sobresaínte e
premio extraordinario, e posteriormente doutorouse na Universidade de Madrid,
onde tamén continuou os estudos de Dereito.
As noticias que
temos sobre Pura Lorenzana nos seus anos de estudante e apenas licenciada
sitúana no círculo de alumnos universitarios de Filosofía e Letras e Dereito,
brillantes, máis ou menos galeguistas e con inquedanzas literarias, artísticas
e de estudo e investigación tanto nas aulas como fóra delas, o círculo que se
movía arredor do Seminario de Estudos Galegos (SEG), fundado só uns anos antes,
ou de profesores novos, como Ciriaco Pérez Bustamante, catedrático de Historia
de España, decano da Facultade de Filosofía e Letras e impulsor de
investigacións en Arqueoloxía Prehistórica e Historia de América. De feito, en
1927 aparece entre o grupo de estudantes de Historia, case todos membros do SEG
-Carmen Rey Domínguez, Celsa Ferrín Moreiras, Xosé María Castroviejo, Antón Fraguas,
Sebastián González García-Paz, Vidal Fraga e Villares Méndez-, que custea a
edición do primeiro fascículo da Facultade de Filosofía e Letras, Hispanoamérica
e Iberoamérica, do americanista mexicano Carlos Pereyra. En 1928 publica,
co seu compañeiro Sebastián González e con Ciriaco Pérez Bustamante, o traballo
"La población de Nueva España en el siglo XVI" (Boletín de la
Biblioteca Menéndez y Pelayo), que anuncian como o primeiro dunha serie que
publicará o Instituto Americanista da Universidade de Santiago, que dirixía
Pérez Bustamante e do que tamén debían formar parte os compañeiros que
custearan o folleto de Carlos Pereyra. Neste mesmo ano aparece nas actas do
Seminario de Estudos Galegos como asistente, xunto con Carmen Rey, en dúas
sesións da institución, da que formou parte como socia activa, e lerá o seu
traballo de ingreso o 3 de maio de 1930, "Mámoas do Saviñao. A anta de
Abuime e a necrópole do Monte da Morá", que realizara con Florentino López
Cuevillas e Antón Fraguas por conta da Comisión de Estudos en Galicia, en
agosto de 1929, e que aparecerá publicado no vol. V dos Arquivos do
Seminario de Estudos Galegos (1930). Na primavera de 1929 dita unha
conferencia sobre o nacionalismo galego na asociación Xuventude Católica
Femenina de Santiago, no marco da Casa Social Católica Femenina de Compostela,
que será publicada en 1931 por Ánxel Casal en dous suplementos da revista Nós.
Con anterioridade á proclamación da Segunda República, formou parte, segundo
Xusto G. Beramnendi, da Asociación Nazonalista de Santiago, formación política
que se encadraba na dereita do galeguismo.
Logo de exercer durante o curso 1930-1 como axudante de clases prácticas
na Facultade de Filosofía e Letras, comeza os cursos de doutoramento na
Universidade de Madrid, ao tempo que traballa como profesora de Lingua e
Literatura Española no Instituto Calderón de la Barca da capital madrileña
(1931-6), na que tamén dirixe o colexio relixioso Nuestra Señora de Loreto.
Debeu de ser por estes anos cando pertenceu á Sociedad Anónima de Enseñanza
Libre (SADEL) (1934), institución creada pola Confederación Católica de Padres
de Familia para dar cobertura legal ao ensino das Ordes Relixiosas, que o tiñan
prohibido, e que agrupaba aos colexios relixiosos con profesorado segrar.
Tras a sublevación contra a República, Pura Lorenzana pasa a exercer
como profesora de Lingua e Literatura Española no Instituto de Tui
durante o curso 1936-1937. Os dous cursos seguintes será profesora de
Xeografía e Historia no Instituto de Ourense, cidade onde tamén exercerá
diversos cargos políticos para o Goberno de Burgos: Depuradora das Bibliotecas
Públicas, Delegada Provincial de Frontes e Hospitais e Organizadora dos
servizos culturais do Fogar e do Ferido. En 1940 o Ministerio de Guerra do
Goberno de Franco concédelle a Medalla de Campaña de Retaguardia por méritos e
servizos.
No curso 1939-40 imparte clases de Xeografía e Historia no
Instituto Rosalía de Castro de Santiago e de Historia de España contemporánea
na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade compostelá. O curso seguinte
é trasladada a un instituto madrileño, para volver no 1941-2 a Santiago como
catedrática de Xeografía e Historia, primeiro no Instituto Xelmírez e a partir
de 1942-3 no Instituto feminino Rosalía de Castro, do que será fundadora e
primeira directora, cargo que desempeñará ata 1955. Durante os seus anos de
estancia como profesora de ensino medio na Compostela da posguerra, exercerá
tamén como docente universitaria na Facultade de Filosofía e Letras, nas
materias de Historia Universal Moderna e Contemporánea (1942-1956) e Historia
da Cultura Moderna e Contemporánea (1943-1952), e participará no curso de verán
de 1950 da Universidade compostelá, ditando, xunto co profesor Ángel Rodríguez
González, dez leccións de Historia de España.
Segundo consta no
seu expediente académico de profesora, Pura Lorenzana desenvolveu nos anos 40 e
50 unha intensa actividade no campo da reforma do ensino medio e do bacharelato
feminino na España da época, asistindo como relatora a reunións e congresos nos
que se debatía sobre estes temas.
Foi membro do
Primeiro Consello Nacional do Servizo Especial do Profesorado de Ensino Medio
da Delegación Nacional de Educación e estivo cunha bolsa do Ministerio de
Educación estudando en París o réxime de Centros Docentes Femininos de Ensino
Medio.
En canto ao seu
labor como historiadora, consta no seu expediente que participou en escavacións
prehistóricas galegas e na recollida de folclore, sen especificar nin data nin
lugar, que presentou a súa tese doutoral, El viaje de Sebastián
Vizcaíno a las costas de California, cualificada con sobresaínte, en
Madrid, en 1949, e que pertenceu ao Instituto González Fernández de Oviedo, do
CSIC.
Tamén foi membro
da Primeira Xunta de Goberno do Padroado Rosalía de Castro, fundado no Hotel
Compostela de Santiago en novembro de 1947. Contra 1956 obtivo praza de
inspectora de ensino medio e trasladouse a Madrid, onde exerceu como inspectora
xeral de Distrito ata a súa xubilación. En 1963 concedéuselle a encomenda da
Orde de Afonso X o Sabio. Faleceu en Santiago en 1997.
OBRAS DE PURA LORENZANA:
LORENZANA PRADA, Mª P.; “La
población de Nueva España en el siglo XVI”, Boletín de la
Biblioteca Menéndez y Pelayo), Santander, n.º 1 (xaneiro-marzo), p.
58-73. En col. con Sebastián González García-Paz e Ciriaco Pérez Bustamante.
1928
LORENZANA PRADA, Mª P.; “Mámoas
do Saviñao. A anta de Abuime e a necrópole do Monte da Morá”, Arquivos
do Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, V, p. 63-91. En
col. con Florentino López Cuevillas e Antón Fraguas. 1930
LORENZANA PRADA, Mª P.; Conferencia
pronunciada en Santiago pol-a Señorita María Pura Lorenzana., Nós.
Boletín mensual da cultura galega, A Coruña, supl. 30 e 31, (maio, xuño).
1931
LORENZANA PRADA, Mª P.; El
viaje de Sebastián Vizcaíno a las costas de California, Madrid,
Universidad, (tese de doutoramento inédita). 1949
|
VÍDEO DE PURA LORENZANA:
https://www.youtube.com/watch?v=wHqRlRwT724